Estudio: Desescribir
Datos de contacto: Cibrán Rico López e Jesús Vázquez Gómez para desescribir escribir@desescribir.com www.desescribir.com
Proxecto: La ciudad Paseable. ‘Recomendaciones para la consideración de los peatones en el planeamiento, diseño urbano y la arquitectura’. Julio Pozueta (Dir.), Francisco José Lamíquiz e Mateus Porto
Cliente: CEDEX (Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas). Ministerio de Fomento
Ano: 2009
Categorías: Deseño editorial
O que nos preocupou desde o inicio deste traballo editorial, foi como darlle coherencia e unidade visual a unha publicación tan completa e complexa: texto, imaxes en cor (feitas polos propios autores) pés e identificación destas imaxes, gráficas, cadros explicativos, esquemas, planos…
Propuxémonos estruturar este extenso estudo sobre o peón na cidade, de maneira que fose sinxelo situarse nel, consultar rapidamente as diferentes partes e lelo comodamente, sempre dentro dunha mesma linguaxe e coherencia visual, desde a páxina tipo á portada.
Foron as cores uns dos elementos principais que axudaron a conseguir a unidade gráfica. O vermello utilizámolo como separador, nos títulos de capítulos e subcapítulos, nos filetes de cadros explicativos e nos esquemas simples. O azul, maxenta e amarelo constrúen as explicacións sobre as fotos aéreas, as gráficas e a camisa.
Na páxina tipo, as imaxes e esquemas que acompañan o texto sitúanse sempre en páxina impar, mentres que o texto discorre principalmente polas impares, nun esforzo continuado por conseguir unha estrutura clara dentro da publicación.
A tipografía utilizada é a Times para todo o libro, con corpo 12 para o contido principal coa intención de conseguir unha caixa de texto tranquila, cómoda e fácil de ler.
O tamaño é resultado do tipo de libro que se propón: un manual. A dimensión 17×24 cm faino compacto e manexable, ademais de aproveitar a dimensión 100×70 cm do prego, desbaldindo o menor papel posible.
Agardamos que a cidade que se propón para o peón sexa o libro para o lector.